CRTVG

Buscar

O Courel, sen teléfono nin conexión a Internet por mor dun incendio

Publicado o 31/08/2021 10:34
O Courel, sen teléfono nin conexión a Internet por mor dun incendio
EFE

Os dous principais núcleos de poboación do concello de Folgoso do Courel, Folgoso e Seoane, permanecen desde onte sen conexión a Internet e sen a posibilidade de utilizar a rede de telefonía fixa, como consecuencia da avaría que provocou na instalación de fibra óptica un incendio forestal que se produciu no concello veciño de Quiroga.

A alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, explicou que o incendio, que calcinou dezaseis hectáreas de monte na parroquia de Hospital, en Quiroga, afectou a instalación de fibra óptica que lle dá servizo ao seu municipio.

A empresa subministradora informou o goberno local do Courel de que onte non puido reparar a avaría, dado que o incendio aínda estaba activo e, por tanto, non puideron acceder á zona afectada polo lume.

O incendio quedou extinguido a pasada madrugada, segundo a información facilitada por Medio Rural ás 2:13 horas, de modo que a alcaldesa confía en que o servizo quede restablecido canto antes, se é posible ao longo da xornada de hoxe.

De feito, o Goberno local púxose en contacto coa empresa subministradora, que lle comunicou a súa intención de restablecer a conexión, aínda que sexa de forma temporal, cando os seus operarios poidan acceder á zona.

Castro precisou que esta situación afecta os particulares, pero tamén á sucursal bancaria da capital municipal e ao propio Concello, onde non se poden realizar "trámites" pendentes desde onte por mor desa falta de conexión.

Noutros lugares do municipio si hai servizo, dado que a conexión é vía satélite, precisou.

Noticias web

31/08/2021