CRTVG

Buscar

O coruñés César de la Fuente acaba o ensaio do test que detecta covid en 4 minutos

Publicado o 11/05/2021 19:36

O equipo do biotecnólogo coruñés César de la Fuente, Premio Fundación Princesa Xirona de Investigación Científica 2021, acaba de finalizar o ensaio clínico do seu test de diagnóstico rápido e demostrou a detección da covid-19 en catro minutos, informou a Efe o investigador.

Os resultados do ensaio foron publicados na revista 'Matter de Cell Press' e o prezo de cada test é de 4,67 dólares. A proba usa tecnoloxía electroquímica que transforma a información química que ocorre cando o virus se une a un receptor nun sinal eléctrico, unha ligazón que pode ser detectada rapidamente.

Esta ferramenta necesita un chip que pode ser creado con materiais moi económicos como papel, cartón ou diferentes polímeros. Imprímese nunha impresora específica creada polo propio César de la Fuente, profesor da Universidade de Pensilvania (EUA).

Deseñaron dous formatos para realizar o test, un deles é do tamaño dun portátil e outra versión en miniatura para conectar a un teléfono móbil. Ademais, é capaz de detectar variantes mutantes de SARS-CoV-2. O proceso de comercialización aínda está en camiño.