CRTVG

Buscar

O coronavirus reduce notablemente a presenza de piollos na cativada

Publicado o 07/12/2020 14:47

Se ten vostede cativos na familia de seguro se decatou de que este ano non chegou esa mensaxe do colexio alertando da presenza de piollos nalgunha clase. Saiban que non é casual e, como case todo dende marzo, está relacionado tamén coa covid-19. A falta de contacto entre os rapaces fai que os contaxios se reduzan ao mínimo, ata un corenta por cento menos do que é habitual.

A irrupción da covid-19 mudou este ano moitas cousas nas aulas, unha delas é case erradicar a presenza dos piollos entre os cativos. Tanto é así que mesmo se reflicte nas escasas vendas de xampús, locións e tratamentos antipiollos nas farmacias. De feito, por estas datas algunhas farmacias estarían mesmo repoñendo produto pola alta demanda, como explica a técnica de farmacia María José Cortiñas Vázquez, "este ano, non".

E o mesmo acontece nas clínicas especializadas, onde apenas teñen clientes. "Non hai contacto directo de cabeza con cabeza, entón é imposible que os piollos se contaxien, non hai tanta cantidade", indica a especialista Silvia Doallo Villar.

Din os especialistas que o confinamento, a distancia social e as normas anticovid conseguen mantelos a raia.

José Álvarez López, xefe de Dermatoloxía do CHUO, lembra que os piollos se "transmite por contacto, non se transmite polo aire". E apuntan, non hai que baixar a garda, porque os piollos non marchan, só agardan algo de contacto e unha mellor ocasión para recuperar o espazo perdido nestes tempos de pandemia.

Noticias web

07/12/2020