O coronavirus, principal preocupación dos españois
Nin o paro nin os problemas económicos. As tradicionais preocupacións dos españois quedan varridas polo coronavirus. Segundo o barómetro especial do CIS, a COVID-19 é a primeira inquedanza de case a metade dos cidadáns, seguida pola economía, o desemprego e o comportamento dos políticos.
A enquisa fíxose na primeira semana de abril. Nese tempo, o 91% dos enquisados admitía que levaba ben o confinamento, e 4 de cada dez se mostraban partidarios de endurecelo. Sobre a xestión do Goberno, a un 48% merécelle pouca ou ningunha confianza, contra un 46% que si se fían do executivo.
Neste estado de cousas, os partidos que gobernan caen lixeiramente en intención de voto. O PSOE perde 7 décimas e Unidas Podemos, 9. O PP acurta distancias cos socialistas en medio punto nun barómetro en que VOX aparece como o principal prexudicado. O 88% dos enquisados cre que a oposición debería apoiar o Goberno e máis do 90% pide grandes acordos para facer fronte á crise económica.