O coronavirus causa a maior caída na esperanza de vida desde a II Guerra Mundial

EFE
A pandemia da covid-19 provocou perdas na esperanza de vida non vistas desde a Segunda Guerra Mundial, sinala un estudo da Universidade de Oxford que publica Internacional Journal of Epidemiology.
A caída na esperanza de vida superou as observadas arredor da disolución do bloque do leste nos países de Europa Central e Oriental. Un dos autores da investigación, José Manuel Aburto, destacou que en países de Europa Occidental como Italia, Bélxica e España "a última vez que se observaron descensos tan importantes da esperanza de vida ao nacer nun só ano foi durante a Segunda Guerra Mundial".
A magnitude das perdas de esperanza de vida foi notable na maioría dos vinte e nove Estados estudados. "Vinte e dous países incluídos no noso estudo experimentaron perdas superiores a medio ano en 2020", agregou o experto.
O equipo reuniu un conxunto de datos sen precedentes sobre mortalidade en vinte e nove países, dos que se publicaron rexistros oficiais de defunción para 2020. Os datos indican que vinte e sete dos vinte e nove países experimentaron reducións na esperanza de vida en 2020, "a unha escala que anulou anos de progreso na mortalidade", destaca a Universidade de Oxford.
Na maioría dos estados, os homes experimentaron un maior descenso da esperanza de vida que as mulleres. As mulleres de quince países e os homes de dez terían unha esperanza de vida ao nacer menor en 2020 que en 2015, un ano no que xa se viu afectada negativamente por unha importante tempada de gripe.
O estudo indica tamén que as mulleres de oito países e os homes de once experimentaron perdas superiores a un ano. Eses Estados tardaron unha media de 5,6 anos en lograr un aumento dun ano na esperanza de vida nos últimos tempos, "un progreso que a covid-19 anulou no transcurso de 2020".
Os maiores descensos na esperanza de vida observáronse entre os homes de Estados Unidos, 2,2 anos en relación cos niveis de 2019, seguidos polos de Lituania (1,7 anos). Os grandes descensos na esperanza de vida observados en Estados Unidos poden explicarse, en parte, polo notable aumento da mortalidade en idade laboral observado en 2020, segundo Ridhi Kaskyap, outra das autoras.
En Europa, "o aumento da mortalidade por encima dos 60 anos foi o que máis contribuíu", agregou a experta. Ademais destes patróns de idade, a análise revela que a maioría das reducións da esperanza de vida nos distintos países foron atribuíbles ás mortes oficiais por covid-19.
Aínda que saben que "hai varios problemas" relacionados co reconto das mortes por covid-19, como as probas inadecuadas ou a clasificación errónea, o que os resultados destaquen un impacto tan grande "que é directamente atribuíble" á pandemia mostra "o devastador" que foi para moitos países, destacou.
Ademais, pediu que se publiquen e estean dispoñibles máis datos desagregados dun maior número de Estados, incluídos os de ingresos baixos e medios, "para comprender mellor as repercusións da pandemia a nivel mundial".