CRTVG

Buscar

O coronavirus altera os traballos da matanza do porco

Publicado o 09/12/2020 14:53

Se ata agora queimar e rascar o cocho era labor de tres persoas, agora algúns teñen que facelo sós. É o caso de Sergio Boado, un criador de porco celta de Irixoa, que tamén ten que encargarse sen axuda de abrir e trocear o animal.

A pandemia obrigou a reducir a participación nas matanzas e o que antes era un acto social converteuse unha tarefa en solitario. E máis en zonas como esta onde o coronavirus atacou nos últimos días. O traballo leva máis tempo pero, grazas á experiencia e a tecnoloxía, o resultado é o mesmo.

"Sacrificalo co atordamento, meter o coitelo para facer o sangrado e despois abrilo. Todo coma sempre. Só cambia que agora usamos a maquinaria para que o poida facer unha persoa soa", explica Sergio.

Xa non todo se aproveita?

O frío destes días é o mellor aliado dos matachín porque axuda a conservar mellor a carne. O que semella claro é que o xeito de consumir os marraos variou co paso do tempo e xa non todo se aproveita.

"O das tripas xa é algo que ou che gusta moito ou ódialo, polo feito de manipulalas. E logo non se sabe que facer co rabo ou a cacheira. Hoxe non hai quen queira unha cacheira completa", quéixase.

Nos seguintes días tocará picar a carne para facer os chourizos e meter no salqueiro os xamóns ou as cachuchas. O que tamén se desbota este ano son as comidas e ceas multitudinarias nos días de matanza nas casas.

Noticias web

09/12/2020