CRTVG

Buscar

O corazón e as estrelas: Marta Pardo homenaxeará o seu irmán no Rally das Gazelles

Publicado o 18/08/2021 15:44

Coñecemos a historia de Marta Pardo. Esta viguesa vai ser a única galega que dispute o Rally das Gazelles, o equivalente ao Dakar pero só de mulleres. Nesa aventura polo deserto de Marrocos, Marta quere homenaxear o seu irmán Carlos, falecido en 2009 cando disputaba unha proba da Nasqar.

Son dúas semanas polo deserto de Marrocos. 9 etapas. Temperaturas que superan os 40 graos. Uns 330 vehículos. E unha pilota galega: Marta Pardo. O nome do equipo: O corazón e as estrelas.

"Meu irmán marchou, miña nai marchou..,. as estrelas están aí e acompáñannos sempre", dixo Marta Pardo Estévez.

Comeza esta historia hai uns 12 anos. Carreiras de Nascar en México. 2009. O irmán de Marta sofre un grave accidente na pista e morre. Sobrevive na memoria un legado familiar.

"Deixou unha filla de dous anos e isto é dicirlle a ela que unha muller tamén pode loitar e non esquecer a súa memoria", declarou emocionada Marta.

Unha muller que loita nun mundo habitualmente de homes. Pero o Rally Aicha de Gazelles é distinto. Deserto, sen GPS, con mapa e compás: "Creo que o maior risco é perderse no deserto".

Será en menos dun mes. Unha aventura nun buggy cento por cento eléctrico, deporte, a emoción da vida e o corazón e as estrelas.

 

Noticias web

18/08/2021