CRTVG

Buscar

O Constitucional suspende a parte da Lei de saúde galega sobre a vacinación obrigatoria

Publicado o 20/04/2021 16:26

O Tribunal Constitucional (TC) suspendeu a parte da Lei de saúde de Galicia que establece, entre outras medidas, o control das persoas enfermas de covid, a través do illamento en domicilio ou nos centros hospitalarios, ou a posibilidade de obrigar a cidadanía a vacinarse en circunstancias determinadas.

O pleno admitiu por unanimidade o recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno de Pedro Sánchez contra o artigo 5 da lei sanitaria impulsada pola Xunta de Galicia que recolle todos estes supostos.

A decisión acordada polo tribunal de garantías supón a suspensión cautelar da norma á espera de que os maxistrados resolvan o fondo do asunto nun prazo máximo de cinco meses. O relator será o conservador Andrés Oleiro.

O Goberno decidiu recorrer esta norma ante o Constitucional no Consello de Ministros do pasado 30 de marzo. Ao seu xuízo, as previsións contempladas no artigo 5 da Lei de saúde de Galicia, que restrinxen dereitos fundamentais, só se poden regular mediante unha lei orgánica que, como tal, debe ditar o lexislador estatal e non autonómico.

Despois de que o Goberno anunciara esta decisión, Alberto Núñez Feijóo reprochoulle ao Executivo central que "tras un ano facendo oídos xordos ao clamor para aprobar unha norma de xestión da pandemia", agora non "deixa actuar" ás comunidades autónomas e recorre a norma impulsada pola Xunta e o PP galego.

O presidente da Xunta coida que é "un erro e unha deslealdade" o recurso do Goberno contra a lei galega de saúde. Con todo, Alberto Núñez Feijóo chama a que o diálogo permita a retirada do recurso e a entrada en vigor da lei cando remate o estado de alarma. Lamenta que o ministro de Administracións Públicas dixera que con Cataluña se podía negociar absolutamente todo, pero que con Galicia o recurso xa fora diante da negociación.

"Se unha comunidade autónoma como Cataluña hai que negocialo todo, que unha comunidade constitucionalista como Galicia nin sequera se lle chame para dicir, oe, imos presentar un recurso de inconstitucionalidade podemos sentar antes de interpoñelo... Imos ver se nos seguintes días se nos concreta exactamente o contido e alcance da acusación para poder respondela e, se é posible, para que o Goberno central retire o recurso e que a lei recobre o vigor e que teñamos antes do 9 de maio resolto este problema", dixo Feijóo.