CRTVG

Buscar

O Constitucional portugués tomba a lei que despenaliza a eutanasia

Publicado o 15/03/2021 21:57
O Constitucional portugués tomba a lei que despenaliza a eutanasia

O Tribunal Constitucional (TC) de Portugal rexeitou hoxe a lei que despenaliza a eutanasia, aprobada a finais de xaneiro polo Parlamento, ao considerala inconstitucional por utilizar conceptos "imprecisos", aínda que abriu a porta a que o Parlamento volva tramitala.

O presidente do tribunal João Pedro Caupers comunicou que sete dos doce xuíces votaron en contra da norma, aínda que sinalou que a eutanasia, por si mesma, non é inconstitucional: "O dereito á vida non se pode transfigurar nun deber de vivir en calquera circunstancia".

Por iso, deixou a porta aberta a que unha nova norma sobre a eutanasia poida prosperar no futuro se o Parlamento emenda os puntos considerados inconstitucionais.

A norma despenalizaba a eutanasia para casos de maiores de idade, sen enfermidades mentais, en situacións de "sufrimento insoportable, con lesión definitiva de gravidade extrema de acordo co consenso científico ou enfermidade incurable e fatal", e foi remitida ao TC de forma preventiva polo presidente de Portugal, o conservador Marcelo Rebelo de Sousa.

Rebelo de Sousa consideraba que a lei utilizaba conceptos "excesivamente indeterminados" á hora de definir os requisitos para permitir o acceso á morte medicamente asistida. Con esas reservas coincide o Constitucional. De feito, os xuíces sinalaron "imprecisión" á hora de definir en que situacións se pode solicitar a morte asistida, que debe ser lexislada con normas "claras, precisas, anticipables e controlables", explicou Caupers. Nese sentido, referiu que a expresión "lesión definitiva de gravidade extrema" non permite delimitar co indispensable rigor en que situacións se pode solicitar a eutanasia.

O concepto de "sufrimento extremo", que tamén levantaba dúbidas ao xefe do Estado, si foi aceptado polo tribunal ao entender que pode ser determinado por un médico. Ao ser declarada inconstitucional, a lei será vetada por Rebelo de Sousa e volverá ao Parlamento.

A despenalización da eutanasia foi aprobada na Cámara o 29 de xaneiro tras un ano de trámite parlamentario, co apoio dos grupos de esquerda, o rexeitamento da dereita e no medio dun tenso debate sobre a idoneidade do momento debido á pandemia. Ademais de ter unha enfermidade ou lesión incurable, a norma portuguesa establecía que a decisión final sería avaliada por un comité de expertos e só podería practicarse no Sistema Nacional de Saúde (SNS).

A esquerda xa anunciou que volverá levar a eutanasia ao Parlamento. 

Noticias web

15/03/2021