CRTVG

Buscar

O Constitucional admite a trámite os recursos de PP e Vox contra a lei Celaá

Publicado o 20/04/2021 17:19
O Constitucional admite a trámite os recursos de PP e Vox contra a lei Celaá

O Tribunal Constitucional admitiu a trámite os recursos do PP e de Vox contra a reforma educativa da Lomloe ou lei Celaá que, en opinión dos partidos recorrentes, non garante que o español sexa lingua vehicular en todo o país.

O pleno do tribunal de garantías admitiu por unanimidade os recursos de PP e de Vox que terán como relatores os maxistrados conservadores Antonio Narváez e Ricardo Enríquez, respectivamente.

Ambas as dúas formacións celebraron a decisión a través de Twitter. A portavoz do PP no Congreso, Cuca Gamarra, destacou o seu posicionamento "na defensa da liberdade, a pluralidade e a calidade educativa" e a deputada de Vox Macarena Olona considerouno unha "moi boa noticia" que avanza na "derrogación" da "sectaria" lei Celaá. 

O recurso do PP contra a lei Celaá impugna 16 dos seus artigos e dúas disposicións adicionais por entender que vulnera o dereito de elección de ensino dos pais, discrimina a concertada, a especial e a educación por sexos, e "non garante" que o castelán sexa lingua vehicular en todo o país.

Vox, pola súa banda, recorreu a norma por entendela como unha "ofensiva contra os dereitos dos cidadáns e a unidade nacional" ao retirar o español como lingua vehicular do ensino. Ademais, cualificau de "intolerable" a "ofensiva contra os centros de educación especial".

Recurso contra a Lei de Orzamentos

O Tribunal Constitucional tamén admitiu a trámite o recurso rexistrado polo PP contra a Lei de Orzamentos Xerais do Estado de 2021 polas modificacións incluídas no Imposto sobre Patrimonio. O relator desta sentenza será o conservador Alfredo Montoya.

Concretamente, o recurso dos populares busca tombar a suba do tributo, que eleva do 2,5 % ao 3,5 % o tipo marxinal, e a eliminación do seu carácter temporal para establecelo como indefinido.

Segundo explican, o seu obxectivo é eliminar este imposto "de carácter confiscatorio" ao consideralo “profundamente inxusto e arcaico".