CRTVG

Buscar

Aumentan os contaxios e volve o debate: quen toma medidas, Goberno ou comunidades?

Publicado o 07/07/2021 15:17

Dúas semanas desde que volveron levantar a persiana en España e tan só unha aquí en Galicia. O sector do ocio nocturno volve ver ameazados os seus negocios.

Sergio Fernández, da xunta directiva de Bares Pubs e Discotecas de Santiago de Compostela:"Se se da ese paso para atrás pode ser o toque definitivo para moitos negocios e establecementos para xa non levantar cabeza".

Pola súa banda, o relatorio de alertas do Ministerio de Sanidade propón pechar o ocio nocturno como medida para frear o aumento dos contaxios entre os máis novos.

Daniel López Acuña, epidemiólogo: "Intensificar medidas que reduzan a interacción social desprotexida e isto pasa o meu xeito de ver polo peche do ocio nocturno. Desde un punto de vista só de saúde pública sería desexable volver a medidas do tipo toque de recollida".

Pero para o Goberno, as comunidades son as que deben tomar medidas e descarta volver ao toque de queda.

Carmen Calvo, vicepresidenta do Goberno: "As comunidades autónomas dispoñen neste momento de instrumentos para tomar decisións".

Comunidades como Castela e León coa incidencia acumulada nos 282 casos por cen mil habitantes, piden recuperar o toque de queda e as máscaras. Verónica Casado, conselleira de Sanidade de Castela e León "O toque de recollida, o aumento da necesidade das vacinas, e as máscaras ten que ser algo a nivel nacional".

Medidas que tamén piden desde o País Vasco. Iñigo Urkullu, Lehendakari: "Unha decisión que unicamente lle corresponde ao Goberno español que no seu caso se se plasma nun estado de alarma declarado tería que ser ratificado no congreso dos deputados".

Será na reunión desta tarde do Consello Interterritorial de Saúde onde se debatan as novas medidas e restricións.

Noticias web

07/07/2021