O Consello Galego de Pesca defenderá "unido" o sector despois do 'brexit'
Na Consellería do Mar acaba de rematar un pleno extraordinario do Consello Galego de Pesca. Analizaron o acordo sobre o brexit alcanzado entre a Unión Europea e o Reino Unido cun obxectivo: deseñar unha estratexia común ante o impacto que terá, por exemplo, nas frotas que faenan no Gran Sol e no Cantábrico noroeste. O pleno apoiou a folla de ruta presentada polo Goberno galego, que agarda o resultado de dous informes, un técnico e outro xurídico.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou: "Analizaremos eses informes. Crearemos un grupo de traballo e, a partir de aí, faremos a nosa estratexia de defensa dos interses do sector. De feito, xa solicitamos por escrito unha xuntanza con todos os europedutados españois que forman parte da comisión de pesca do parlamento europeo para que poidan vir e manter unha xuntanza no pleno".