O Consello Galego de Pesca analiza informes para pedir compensacións polo 'brexit'
No pleno telemático do Consello Galego da Pesca presentáronse dous informes sobre os efectos do brexit. Un deles analiza o seu impacto en toda a actividade pesqueira e o outro avalía o papel do Tribunal de Xustiza da Unión Europea no seguimento do acordo comercial co Reino Unido.
A partir deses textos, un grupo de traballo deseñará decontado a estratexia que se vai seguir.
"Unha vez que teñamos perfilada esa estratexia de camiño, de futuro do sector pesqueiro galego, será abordada nas reunións tanto coa directora xeral como co presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo", sinalaba a conselleira do Mar, Rosa Quintana.
O impacto do brexit no sector pesqueiro galego está cuantificado na perda duns 50 millóns de euros anuais e de 4.000 toneladas de capturas. Ademais, o Reino Unido non terá que someterse á Política Pesqueira Común da Unión Europea e iso significa que pode contar con máis cota para capturas e, en consecuencia, aumentar a súa frota. Ou sexa, máis competencia para o sector.
O camiño das indemnizacións compensatorias é unha das alternativas: "As relacións co Arco Atlántico e coas rexións da Unión Europea están xa en marcha. De feito, xa hai un grupo de traballo constituído con Gran Bretaña para facer unha análise das indemnizacións que pode recibir o sector pesqueiro como onsecuencia dos danos que se van producir pola separación do Reino Unido", explicaba a conselleira Rosa Quintana.
Na xuntanza deste sábado volveuse constatar que tanto a Xunta coma o sector consideran moi negativo a curto e longo prazo o acordo do brexit certificado pola Unión Europea.