CRTVG

Buscar

O Consello Escolar do Estado rexeita que se supriman as repeticións este curso

Publicado o 07/04/2020 15:31

Precisamente hai que salientar que é un órgano consultivo e que, por tanto, os seus acordos non son definitivos. Agora faranllos chegar ao Goberno que mañá mesmo os debaterá coas comunidades autónomas. E que acordaron? Pois entre outras cousas: manter o actual calendario escolar e non prorrogar o curso ata o mes de xullo, como se barallou nalgún momento, e que as tarefas que se realizan na casa sexan avaliables, sempre e cando se dispoña dos medios tecnolóxicos para facelo. Así que parece que non vai adiante a idea de dar por finalizado o curso, tal e como se fará en Italia, onde aprobaron o remate do curso cun aprobado xeral. 

Non son acordos definitivos, aínda que si expresan o parecer dunha parte significativa da comunidade educativa. A idea de dar por finalizado o ano académico parece estar lonxe das expectativas do Consello Escolar do Estado. Deixábao claro hoxe, decidindo manter o calendario do actual curso e non prorrogalo tampouco ata o mes de xullo, tal e como se barallou nalgún momento.

Ademais aconsella que as tarefas que os rapaces realicen na casa sexan avaliables. Pero aquí xorde un problema, o de quen non dispón dos medios tecnolóxicos axeitados para facelo. Por iso, este organismo acepta que neses casos se faga un seguimento personalizado para valorar os traballos do alumnado.

Sobre os temarios, tampouco recomenda avanzar neles, senón afianzar o dado ata o mes de abril. Polo menos en primaria, porque en secundaria e no bacharelato xa hai máis dúbidas.

E sobre as repeticións de curso, non haberá cambios na normativa se se seguen as recomendacións deste ente. O profesorado poderá facer que un alumno repita curso. Iso si, o Consello Escolar Estatal apunta a que debe limitarse só a casos realmente extraordinarios.