CRTVG

Buscar

O Consello de Europa pide eliminar as “limitacións do ensino en galego”

Publicado o 01/04/2021 17:08
O Consello de Europa pide eliminar as “limitacións do ensino en galego”

O Comité de expertos do Consello de Europa sobre a protección das linguas rexionais ou minoritarias pídelle a España “eliminar as limitacións do ensino en galego”, ao constatar que case unha cuarta parte dos menores de 15 anos da comunidade non o fala.

No seu último informe, que fai un seguimento do exame realizado no 2019 sobre a situación das linguas no país, conclúe que o marco legal vixente a este respecto é contrario aos compromisos adquiridos.

Ademais, aconsella incluír o aragonés e o catalán no Estatuto de Autonomía de Aragón e “a lingua galego-asturiana” no de Asturias. Para avanzar neste asunto, pide que se inicie un diálogo coas persoas falantes e se informe dos progresos alcanzados.

Uso das linguas cooficiais na xustiza

Do mesmo xeito, reclama emendar a Lei Orgánica do Poder Xudicial para usar as linguas cooficiais do Estado nos tribunais. Considera que é unha “recomendación inmediata” que se debe aplicar ao catalán, ao galego, ao éuscaro e ao valenciano.

“Os xuíces e o resto do persoal dos tribunais usan normalmente o español e deben utilizar a outra lingua oficial da rexión se ningunha das partes se opón”, subliña o documento. Engade que “cando unha parte persiste en usar a lingua cooficial adoita recorrer á utilización dun intérprete, en lugar de levar a cabo todo o proceso nesa lingua”.

Subliña que o número de funcionariado xudicial que fala linguas cooficiais “non aumentou” nos últimos anos, polo que o seu uso nun procedemento xudicial “segue sendo limitado”. O Comité “lamenta que as autoridades españolas non cambiaran a súa postura e repite a necesidade de tomar accións lexislativas inmediatas”.

Tamén recomenda promover o uso das linguas cooficiais no seo da administración do Estado nas respectivas comunidades autónomas.