O Consello da Xunta aproba os presupostos autonómicos para 2022
Hoxe hai Consello da Xunta extraordinario para aprobar os orzamentos do ano que vén. As contas públicas teñen un obxectivo claro, segundo o propio Goberno galego: impulsar a recuperación económica na fase final da pandemia. Inclúen a baixada de varios impostos: IRPF, actos xurídicos, patrimonio ou transmisións.
Ao tempo, aumenta o gasto social, que levará sete de cada dez euros. Aí inclúese educación, coa gratuidade das escolas infantís, política social e sobre todo sanidade. Adiantouno o vicepresidente primeiro da Xunta Alfonso Rueda: "Vai ter unha parte importantísima todo o que ten que ver coa sanidade pública. E despois tamén irán dirixidos a estimular a iniciativa privada, que ao final é o que fai funcionar a economía dun país e en Galicia queremos que siga sendo así".
Tamén aumentarán as transferencias aos concellos; achegaranse aos 500 millóns de euros.
Serán uns orzamentos expansivos. A previsión é que superen os 11.500 millóns, nun contexto de crecemento económico dun 6 %, tanto este ano coma o próximo.
A previsión é que os orzamentos entren no Parlamento este mércores, dentro dos prazos que marca a lei.