O Consello da Xunta aproba hoxe o teito de gasto para 2021

O Goberno galego fixará en máis de 11.500 millóns de euros o teito de gasto non financeiro para o exercicio de 2021 na comunidade, o que supón un incremento de case un 15 por cento en relación ao exercicio en vigor. Así o trasladaron fontes da Xunta, que indicaron que o Executivo que lidera Alberto Núñez Feijóo dará luz verde a este límite de gasto (que despois debe ser ratificado na Cámara) na reunión ordinaria que terá lugar este xoves.
O teito de gasto é un paso previo na elaboración dos orzamentos autonómicos e o habitual é que a Comunidade o esgote, o que avanza unhas contas que manexarán un incremento significativo dos recursos en relación ao pasado exercicio. A Xunta anticipou que este teito de gasto que sobe case un 15 por cento exponse, precisamente, para afrontar uns orzamentos centrados na loita contra o coronavirus e as súas consecuencias en Galicia, e para o impulso da reactivación económica.
Tras os anos marcados pola crise económica, Galicia volveu recuperar o cinco díxitos e superar os 10.000 millóns de orzamento nas contas deste 2020. En concreto, a Cámara aprobou en 2019 un orzamento para o exercicio en vigor que roldaba os 10.150 millóns de euros.
O Consello da Xunta aprobará a prórroga de tres meses da tarxeta básica
A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou que o Consello da Xunta que se celebrará este xoves aprobará a prórroga de tres meses na tarxeta básica para que persoas sen recursos poidan comprar produtos de primeira necesidade. Ata o momento, afirmou, foron máis de 8.000 familias as que a solicitaron.
"Durante seis meses beneficiaranse as persoas que o necesiten e que non teñan outra prestación social da Xunta", destacou a responsable autonómica na firma dun convenio con Cruz Vermella na Coruña para atender a persoas sen fogar.
Ata agora, engadiu, foron 20.000 persoas que contaron con esta axuda. A presidenta de Cruz Vermella, Carmen Colmeiro, defendeu o alongamento da axuda, que xestiona a propia entidade, porque, certificou, "a necesidade é moi grande".
A tarxeta, que se obtén nun prazo máximo de 72 horas, ten un saldo de 450, 600 ou 900 euros segundo o número de persoas da unidade familiar.
"Podes ir ao supermercado ou á farmacia e pagar como todos; evita a estigmatización de persoas que necesitan axuda", remarcou Fabiola García, que apuntou que moitos cidadáns con poucos recursos non solicitan subvencións ás administracións polo medo a ser sinalados.