O conselleiro recoñece a prudencia da comunidade educativa e a oposición cre que a Xunta improvisou
A día de hoxe hai 427 positivos nas escolas galegas, ningún centro está pechado e non hai transmisión comunitaria. Son os datos que deu a coñecer no Parlamento o conselleiro de Educación.
Román Rodríguez recoñeceu que este inicio de curso está sendo calquera cousa menos normal. Hai que adaptarse á situación da pandemia, e non é doado. Pero os datos de Galicia son bos: hai menos casos ca no resto de España e actúase con rapidez cando xorden.
Os profesores, pais e alumnos están actuando con responsabilidade e prudencia. Así o defende o conselleiro de Educación, que recorda que o número de casos nos centros escolares de Galicia é menor ca no resto de España. Ademais, se en Galicia temos 52 casos por cada 100.000 habitantes, no sistema educativo é só de 44.
Os grupos da oposición cren que a Consellería actuou con improvisación, e que o curso está en marcha grazas ao traballo dos profesionais do ensino.
Román Rodríguez recordou que o 27 de agosto o Goberno central cambiou o protocolo de seguridade en secundaria e bacharelato. Foi a razón de que decidise aprazar unha semana o inicio de curso neses niveis.
A pandemia non só afecta o inicio do curso escolar. Tamén o propio funcionamento do Parlamento.
Por esa razón, aprobaron esta mañá unha reforma do regulamento para facilitar o voto delegado ou mesmo telemático no caso de que se produza un contaxio masivo entre os deputados. Os tres grupos apoiaron esta reforma excepcional tendo en conta que a situación que se vive tamén é excepcional.