CRTVG

Buscar

Decepción na Xunta e críticas aos recortes continuados nos envíos de vacinas

Publicado o 08/08/2021 14:22

O titular de Sanidade admite que está moi decepcionado porque contaba cunha remesa adicional de vacinas para este mes de agosto, tras anunciar o presidente Pedro Sánchez que mercara tres millóns catrocentas mil doses extra de Pfizer. Pero esta fin de semana recibiron a confirmación de que Galicia non entra no repartimento, e a campaña de vacinación continuará coas doses que xa estaban previstas. García Comesaña non entende unha decisión que prexudica unha das comunidades máis avellentadas e onde máis se está vacinando.

"Polo tanto Galicia non soamente non recibe nada desas doses extra, deses 3,4 millóns, senón que ademais no mes de agosto vai recibir menos doses da que recibiu en xullo e moitas menos ca as que recibiu en xuño. Parécenos que non é de recibo esta diminución de doses nin por suposto non ter acceso a esas doses extra que, repito, son froito da eficiencia do proceso de vacinación en España e en particular en Galicia", afirma o conselleiro.

E de Moderna só contarán coa metade das previstas, que terán que destinarse principalmente aos galegos que están pendentes da segunda dose. Neste caso o Ministerio de sanidade compensará o recorte co envio de 8.700 doses de Pfizer.

"Todas as doses previstas, tanto os que recibiron a citación por SMS como as que se puideron coller onte na autocita vanse manter, o único que se reprograma esta semana son esas doses primeiras de Moderna que as axustaremos e a efectos prácticos o cidadán non o vai notar", di o conselleiro.

Máis de dous millóns de galegos, o 82 por cento, teñen polo menos unha dose da vacina, e case o 73 por cento xa recibiu a pauta completa.

Noticias web

08/08/2021