O conselleiro de Economía pídelle ao Goberno que "asuma as súas responsabilidades" na venda de Alcoa
O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, considera que "nin Galicia nin España se poden permitir deixar de producir aluminio primario" e que é necesario "despexar dunha vez por todas" o futuro da planta de Alcoa en San Cibrao. Hai ata seis compañías interesadas en adquirila e Conde pide que o Goberno non se manteña como simple "espectador" desa operación.
"E imprescindible que o Goberno tutele o proceso e, polo tanto, Alcoa ten que asumir ese comporomiso de venda, pero ao mesmo tempo o Goberno ten que demostrar unha participación directa e desde logo aclarar cal vai ser o seu papel neste proceso de venda", declarou o titular da carteira de Economía e Emprego da Xunta.
Dentro do mesmo sector, a planta de Alu Ibérica na Coruña foi intervida pola Audiencia Nacional e tamén neste caso Conde envía un recado dirixido ao executivo central: "A ver como se resolve dentro da Audiencia Nacional a intervención feita tanto nas plantas da Coruña como de Avilés, pero nós o que lle estamos pedindo ao Goberno é unha solución industrial e, polo tanto, que se poida garantir a continuidade da actividade e dos postos de traballo".
No seu repaso ao sector industrial, o conselleiro referiuse a Navantia. Manifestou que é precisa a modernización do estaleiro coa construción do dique de cuberto e indicou que a industria auxiliar está nestes momentos sen carga de traballo.