CRTVG

Buscar

O Congreso valida a norma que deixa en mans do Supremo as restricións anticovid

Publicado o 20/05/2021 17:26
O Congreso valida a norma que deixa en mans do Supremo as restricións anticovid

O pleno do Congreso validou este xoves o decreto lei de medidas fronte ao coronavirus tras o levantamento do estado de alarma, que delega no Tribunal Supremo a última palabra sobre as restricións de movemento que poden adoptarse nas distintas comunidades autónomas. A convalidación contou co apoio de 189 deputados, incluíndo os partidos do Goberno e boa parte dos seus socios de investidura, fronte a 100 en contra, fundamentalmente de PP e Cs, e 60 abstencións de Vox e formacións minoritarias.

Ese decreto lei contén medidas sociais aceptadas por toda a Cámara, como a prohibición de desafiuzamentos e cortes de subministracións aos máis vulnerables, pero tamén inclúe delegar no Tribunal Supremo a supervisión das medidas que poidan adoptar as comunidades autónomas, na confianza de que a súa xurisprudencia permita unificar criterios.

A falta dunha alternativa ao estado de alarma é o que centrou as críticas da oposición, que dedicou ao Goberno acusacións que van de "imprudencia" a directamente "irresponsabilidade", "escorrer o vulto", lanzar "balóns fóra" e mesmo "deserción" fronte ao coronavirus. Aínda que o decreto lei está en vigor desde a súa publicación e superou o trámite da convalidación, o Congreso decidiu tamén tramitalo como proxecto e lei, abrindo a porta para introducir cambios vía emenda.

Noticias web

20/05/2021