CRTVG

Buscar

O congreso de Esquerra pídelle ao Estado amnistía para os presos do procés

Publicado o 21/12/2019 14:26

Esquerra Republicana de Cataluña celebra hoxe congreso en Barcelona. En pleno proceso de negociación co PSOE, os republicanos teiman na súa aposta pola independencia. Ademais, pídenlle ao Estado Español amnistía para os condenados e os fuxidos do procès.

Esquerra chega a este congreso tras gañar as eleccións xerais e bendicida polas enquisas que xa a dan como primeira forza nas eleccións catalás. Cun ollo nelas e outro na sentenza da xustiza europea, os republicanos chaman ao diálogo. "Sen represión", dixo Aragonès:

"Agora é a hora de abrir a negociación e un diálogo que non facemos desde a inxenuidade, que sabemos que vai ser difícil, que sabemos que só pode ser posible se a política despraza á represión".

A secretaria xeral, en conexión por vídeo desde o seu exilio, púxolle nome a esa condición de Esquerra. Amnistía. Dixo Rovira:

"Non é posible o camiño da resolución política deste conflito que temos sobre a mesa, sen deter a represión, sen unha amnistía para tanta inxustiza".

Tamén se escoitou no plenario a voz do líder preso, Oriol Junqueras, para quen Esquerra pide xa a liberdade e a restitución de todos os seus dereitos. Insistiu Aragonès:

"Que o Estado español non sexa desobediente con Europa, e, por tanto, que Oriol Junqueras sexa posto en liberdade de inmediato, e se recoñeza a súa inmunidade e se anule a sentenza do xuízo da vergoña".

Coa negociación co PSOE aberta, os republicasnos din que a independencia é irreversible e un novo referendo inevitable.

Noticias web

21/12/2019