CRTVG

Buscar

O Congreso de Colombia rexeita a controvertida reforma de saúde

Publicado o 19/05/2021 22:49
O Congreso de Colombia rexeita a controvertida reforma de saúde

O Congreso de Colombia arquivou este mércores o controvertido proxecto de reforma da saúde, que favorecía as privatizacións do sistema e foi moi criticado polos manifestantes nas protestas que desde hai 22 días sacoden ao país. A iniciativa, que fora presentada polo partido de dereitas Cambio Radical, foi arquivada por ampla maioría nas comisións do Senado e a Cámara de Representantes encargadas do seu estudo.

"No Congreso acabamos de afundir a reforma á saúde. Unha vitoria da mobilización cidadá, da organización e dos reclamos persistentes do sector. O que segue é construír unha reforma que inclúa a todo o sector e non lle dea máis poder ás EPS (Empresas Prestadoras de Saúde)", escribiu nas redes sociais o representante á Cámara Jorge Gómez Gallego, do partido de esquerdas Dignidad.

A decisión do Congreso foi recibida con aplausos por manifestantes congregados na praza de Bolívar, no centro de Bogotá, pois consideran que ese é un logro das protestas xa que a reforma da saúde supoñía un maior grao de privatizacións nese sistema. O pasado 2 de maio o presidente colombiano, Iván Duque, anunciou que retiraba o proxecto de reforma fiscal, que detonou o descontento da cidadanía que comezou a saír ás rúas o 28 de abril a manifestar o seu descontento pola política social e económica do Goberno.

Logo de coñecer que o seu proxecto de reforma á saúde -que era apoiado polo Goberno- non avanzou, o partido Cambio Radical asegurou nun comunicado que lamenta a decisión porque a iniciativa "garantía o dereito á saúde e a sustentabilidade do sistema e incorporaba solucións a problemáticas que se fixeron evidentes coa crise do covid-19".

Destacou que permitiría que algúns hospitais puidesen especializarse en enfermidades orfas e cancro, e que incluía un programa de saneamento financeiro do sector.

"Esperamos que no próximo proxecto de saúde se dea un debate de altura, con argumentos e deixando ao carón as noticias falsas", dixo o partido, que convidou os congresistas a "enfrontar os debates que Colombia necesita con urxencia e non deixarse levar por información e especulacións que carecen de profundidade e seriedade". 

Noticias web

19/05/2021