CRTVG

Buscar

O Congreso avala a Lei de protección da infancia cun amplo consenso

Publicado o 15/04/2021 12:56

• O prazo para prescribir os delitos de pederastia non comezará a correr ata que a vítima teña 35 anos

O pleno do Congreso apoiou a Lei de protección da infancia e a adolescencia fronte á violencia, que empezará a contar a prescrición dos delitos graves cando a vítima teña 35 anos. Só Vox e o PNV, con distintos argumentos, se opuxeron ao texto, que contou cun amplo consenso.

O proxecto de lei pasará agora ao Senado, onde deberá seguir a súa tramitación en comisión e pleno. Varios grupos anunciaron que van manter vivas emendas para seguir incluíndo melloras.

O texto aprobado este xoves reforza o dereito do neno para ser informado, non só escoitado, en procesos administrativos e xudiciais e a formular denuncias de xeito persoal e directo.

A última hora incorporou o acordo dos grupos de empezar a contar a prescrición dos delitos graves cando a vítima faga 35 anos e non 30, como propoñía o Goberno, xa que as denuncias, cando se producen, adoitan presentarse cando a vítima chega á idade adulta.

Perspectiva de xénero

Ademais, dotouse a lei de perspectiva de xénero, eliminando formulacións como o SAP (síndrome de alienación parental) e incorporado medidas do Pacto de Estado contra a violencia machista.

A iniciativa lexislativa, remitida ao Parlamento dende Dereitos Social, amplía a definición de violencia, persegue delitos cometidos a través de Internet, crea unidades especializadas nas forzas e corpos de seguridade, un Rexistro Central de Información, un coordinador de benestar e protección nos centros educativos e impulsa a formación para xuíces e fiscais. 

Votos en contra e abstencións

A lei sae do Congreso co voto en contra de PNV, porque entende que invade competencias, e de Vox, por motivos ideolóxicos. Ademais, PdeCat e EH Bildu optaron por absterse, tal e como anunciaron os seus portavoces durante o debate.

Agradecemento a James Rhodes

"Espero que na cámara alta se siga enriquecendo a lei e facéndose mellor grazas a todos os grupos", desexou a ministra de Dereitos Sociais. Ione Bellara pechou o debate da lei no Congreso  agradecendo o traballo e xenerosidade do pianista James Rhodes, vítima de abusos durante a súa infancia e presente no Parlamento xunto a varias ONG.