España, quinto país en legalizar a eutanasia co voto en contra de PP e Vox
• O Congreso aproba a lei que regula a asistencia para morrer para que persoas cunha enfermidade grave e incurable cun sufrimento físico ou psíquico constante e intolerable
• Poderá realizarse tanto en centros sanitarios como no domicilio do enfermo e contémplase a obxección de conciencia para os profesionais sanitarios
O pleno do Congreso dos Deputados aprobou a lei de eutanasia, que se converterá nunha nova prestación do Sistema Nacional de Saúde que poderán solicitar aquelas persoas que padezan unha enfermidade grave e incurable cun sufrimento físico ou psíquico constante e intolerable.
Con 202 votos a favor, 141 en contra e 2 abstencións a lei saíu adiante e entrará en vigor dentro de tres meses, e converterá a España no sétimo país en recoñecer este dereito.
A eutanasia é legal en Holanda, Bélxica, Luxemburgo, Canadá, Nova Zelandia e Colombia (neste último país por decisión do Tribunal Constitucional, pero sen que o Parlamento aprobase unha lei que a regule).
A lei superou durante o seu trámite parlamentario os vetos presentados por PP e Vox e contou cun amplo apoio tanto no Congreso como no Senado.
Entrará en vigor tres meses despois da súa publicación no BOE, prazo co que contan as comunidades autónomas para crear en cada unha das rexións unha Comisión de Garantía e Avaliación, órgano encargado da supervisión de cada caso, formado por médicos, profesionais de enfermería e xuristas.
O paciente poderá recibir a eutanasia unhas cinco semanas despois de solicitala, tras ser informado das distintas alternativas e dos coidados paliativos dispoñibles e despois de confirmar a súa vontade de morrer polo menos en catro ocasións ao longo de todo o proceso.
A axuda para morrer poderá realizarse tanto en centros sanitarios -públicos, privados ou concertados- como no domicilio do enfermo e a lei contempla a obxección de conciencia para os profesionais sanitarios que participen no proceso.
A ministra de Sanidade, Carolina Darias, celebrou a legalización da eutanasia e afirmou que con ela, España avanza no recoñecemento dos dereitos, así como nunha sociedade "máis xusta" e "decente".
Debate no Congreso
Durante o debate María Luisa Carcedo, do PSOE, dedicou a súa intervención a todos aqueles que loitaron por conseguir que en España aprobásese esta lei, aos que prestaron as súas mans, como Ángel a María José, para unha morte digna.
E este xoves, unha maioría de parlamentarios colleron a testemuña destas persoas que levan anos "clamando" pola regulación deste novo dereito, subliñou Carcedo. Un dereito que permite facer uso dunha liberdade "con maiúsculas".
Non quixo esquecerse do doutor Luís Montes, para o que tivo un recordo especial como "símbolo de moitos profesionais que perseveran a pesar das crueis persecucións" ás que son sometidos, e das asociacións de defensa do dereito para morrer dignamente polo seu "amparo ante a desesperación de moitas persoas".
"A todos eles, grazas. Grazas a todos os que levaron ata aquí esta lei", concluíu Carcedo, que foi recibida no seu escano cunha longa ovación dos seus compañeiros de grupo.
Pola súa banda, o deputado do PP José Ignacio Echániz denunciou que a eutanasia é un acto antimédico e anticonstitucional, e advertiu do "efecto chamada" que provocará entre as persoas máis vulnerables, ás que se "empuxará" á eutanasia.
Advertiu da "irresponsabilidade" de aprobar esta norma sen desenvolver antes os coidados paliativos "porque sen coidados paliativos os pacientes non poden elixir", e augurou graves consecuencias familiares, sociais e éticas, como a desconfianza entre pais e fillos, entre irmáns e entre médicos e pacientes. "Os máis fráxiles da sociedade teñen motivos para o desasosego e o medo", subliñou Echániz.
Desde Vox, Lourdes Méndez anunciou que o seu grupo recorrerá a lei ante o Tribunal Constitucional e solicitará a paralización da súa aplicación ata que non se dite sentenza. "Máis pronto que tarde gañaremos e construiremos todo o que destruíron e darémoslles esperanza a quen a perdera". "Reverteremos estas leis, poden estar seguros, e na nosa sociedade será a vida a que triunfe e non a morte", asegurou Méndez, que lamentou que o Goberno opte pola morte en lugar de por os coidados. "Este día pasará á historia da ignominia" por implantar a cultura do descarte e a morte.
A deputada de Ciudadanos Sara Giménez cualificou a lei de "fito histórico" para España aínda que lamentou que non vaia a contar co apoio unánime da Cámara a pesar de que si ten o apoio unánime da sociedade.
Desde o BNG, Néstor Rego reivindicou a loita de Ramón Sampedro e, aínda que recoñeceu que a lei "non é perfecta", valorou o "paso decisivo" que supón e que o seu partido celebra como "un triunfo dos dereitos de todos e todas fronte á intolerancia" da ultradereita.
A ministra de Sanidade lembrou que a eutanasia é un dereito, non unha obriga. E asegurou que a súa aprobación é un paso máis de progreso.
Carolina Darias, ministra de Sanidade, "un camiño de progreso que fará da sociedade española non só unha sociedade máis xusta, senon tamén máis decente"
Está previsto que a lei entre en vigor en tres meses. Despois, a eutanasia será unha prestación incluída na carteira do Sistema Nacional de Saúde. Os médicos poderán alegar obxección de conciencia e negarse a participar no proceso.
Vox e o PP votaron en contra da norma e xa anunciaron que presentarán senllos recursos de inconstitucionalidade.