O confinamento portugués, desta volta, será máis estrito
Mañá será un día chave do outro lado desa raia porque empeza un novo confinamento en Portugal. Será máis estrito que o da pasada primavera. Desta volta os cidadáns si que terá a obriga de quedar na casa, ou serán multados.
En marzo fora famoso o modelo de confinamento portugués en que o Goberno simplemente lles pediu aos cidadáns que quedaran na casa, e eles responderon exemplarmente. Desta volta a situación é diferente e o cidadán portugués, en boca do seu primeiro ministro, está máis relaxado e é preciso endurecer as medidas. É por isto que o confinamento que empeza mañá durante un mes incluirá sancións para quen non o cumpra.
Os colexios, institutos e igrexas seguirán abertos e haberá encontros deportivos. Na fronteira, como por exemplo entre Chaves e Verín, podería haber controis para garantir que os que pasan son realmentes traballadores transfronteirizos que dende esta medianoite son os únicos que poderán pasar.
En vilas coma a de Chaves viven este novo peche como unha catástrofe económica. A incidencia da covid nesta cidade non é das peores da fronteira con Galicia, pero o confinamento é para todos. Bruno ten medo de ter que pechar definitivamente.
A só uns metros de alí Laurentina serve o único café de toda a mañá nun negocio xa sen clientes. Di que será o último en moitas semanas.
A situación sanitaria do país non deixa outra solución, din as autoridades, hai récords de casos e de falecidos cada día, 156, nas últimas 24 horas e prevén que irá a máis.
Por diante aos portugueses quédalles un mes de encerro e dependendo dos resultados do seu compromiso e responsabilidade, que se avaliarán en 15 días, chegarán a marzo ou non coa economía paralizada.