O condutores portugueses cruzan a raia para botar combustible máis barato
Ringleiras de coches nunha estación de servizo de Tui, todos os días, a calquera hora. Moitos son portugueses, e o motivo é ben sinxelo. O litro de gasolina está aquí a 1,529 euros, e en Portugal a 1,754. Os condutores portugueses coinciden no elevado prezo do combustible no seu país.
"Brutal, como 30 céntimos ou así, é moito e como temos a facilidade de vir a España, pois o facemos, claro", afirma unha muller. Outro engade: "Estou aquí con dous coches, este e outro, estou traballando en Valença e a diferenza é moita. En Portugal cóbrase o 60 ou 70 % de taxas sobre o litro.
A imaxe nunha estación de servizo en Portugal é radicalmente diferente. A subida continua do prezo do combustible baleira as gasolineiras; a gasolina subiu en 30 ocasións e o gasóleo en 38, colocándose hoxe en 1,601 euros o litro.
"En Portugal a gasolina está a case dous euros, que é moi cara para o que recibimos de salario mínimo, así que se temos a oportunidade de vir a España, facémolo", comenta un estudante.
Cidadáns e empresas están ao límite. Os transportistas portugueses anuncian protestas, e unha mobilización nas redes sociais con medio millón de seguidores xa convocou boicots a partir do 21 de outubro.