CRTVG

Buscar

O Concello de Vilaboa retira o novo regulamento dos panteóns ante a presión veciñal

Publicado o 29/07/2021 15:14

Preto dun centenar de veciños reuníronse este xoves no cemiterio municipal de Vilaboa para protestar pola modificación do regulamento de cemiterios, que estaba previsto aprobarse mañá en pleno ordinario, ante os rumores de que ía afectar a propiedade dos mesmos: "Nese pleno vaise aprobar, queren aprobar que todos os panteóns que hai no cemiterio, todos os panteóns, o cen por cento, pasen de ser propiedade a ser concesión". "A min, no meu panteón, que paguei cos meus cartos, que non mo toque nin María Santísima, porque se teñen que ver comigo. Non cos do concello, comigo se teñen que ver".

O novo regulamento ía establecer un prazo de 75 anos para as concesións de panteóns municipais, a contar desde o momento da concesión, pero houbo veciños que entenderon que tamén afectaría os panteóns en propiedade: "Eu teño un panteón do ano 1934, e ese panteón quedou dos meus avós á miña nai, da miña nai para nós e ese, según os 75 anos que o concello quere poñer para a concesión, xa quedou atrás. entonces que facemos? Que nos vai pasar? Eso é o que me gustaría que me dixeran". "Habería que pedirlle ao alcalde e mais aos concelleiros que corrixan a redacción dese papel, e de non ser así, imos ter que xuntarnos outra vez e ir por unha vía xudicial".

Desde o Concello de Vilaboa quixeron aclarar que a ordenanza municipal era só para regular os panteóns municipais e para nada querían meterse coa propiedade privada dentro dos cemiterios. Ante os veciños reunidos, o alcalde anunciou que o debate do novo regulamento se retiraría do pleno de mañá e comprometeuse a redactar un novo documento que será sometido á aprobación dos veciños.

Noticias web

29/07/2021