O concello de Portas lidera a protesta contra o peche de Abanca
En Portas penduran pancartas elaboradas por decisión unánime dos catro grupos que forman a corporación municipal en contra do peche da única oficina bancaria existente. O pleno considera unha decisión unilateral e inxustificada da entidade clausurar o servizo presencial o próximo 22.
"Paréceme moi mal. Moi mal que pechen a oficina esta. Teremos que irnos para outras oficinas onde interese mellor, pero non para Abanca, eh! Iso que o teñan claro", di un cliente. Outra di: "Home, se cambian todos eu terei que cambiar tamén, porque se isto pecha... que din que vai pechar, non?". E outro sinala: "Para nós os maiores é moi malo (que desapareza a oficina) porque non entendemos a banca electrónica e todo iso".
A iniciativa municipal contra o peche da oficina bancaria inclúe un decálogo reivindicativo destinado á dirección da entidade e tamén á Xunta de Galicia, ao Goberno Central e ao Banco de España para solicitar amparo ante un peche que consideran atentado contra os dereitos dos veciños e veciñas de Portas.
No escrito remitido á dirección de Abanca, alcalde e concelleiros de Portas recrimínanlle a deslealdade desa entidade financeira coa Galicia rural e, en concreto, co concello de Portas.