O Concello da Coruña pide a dimisión de Irene Lozano e a inhabilitación de Javier Tebas
Publicado o 10/09/2020 12:47
• O texto tamén inclúe un reproche ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada

O Pleno do Concello da Coruña acordou por unanimidade a lectura dunha declaración institucional en que pediu a dimisión da presidenta do Consello Superior de Deportes, Irene Lozano, e a inhabilitación do presidente de LaLiga, Javier Tebas, pola xestión de ambos no relacionado co partido Deportivo−Fuenlabrada.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, do PSOE, logrou que todas as forzas políticas da corporación municipal apoiasen unha declaración que rexeitaran o pasado martes. O texto incluíu algunha modificación, como a inclusión dun reproche ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, por dicir que non era o CSD senón LaLiga e a RFEF as que tiñan que dar explicacións verbo das decisións que se adoptaron en relación co encontro que foi aprazado o 20 de xullo.
Tamén esixe o Pleno do Concello que "o goberno do Estado inste ante o Consello Superior de Deportes a inhabilitación de Javier Tebas como presidente de LaLiga".