CRTVG

Buscar

O comité provincial dos socialistas da Coruña celebra os resultados do 26-M

Publicado o 01/06/2019 15:02

O secretario provincial dos socialistas da Coruña cualificou como magníficos os resultados obtidos nas últimas eleccións municipais. Valentín González Formoso presidou esta mañá a reunión do comité provincial na que se aprobou con practicamente o cen por cento dos apoios a súa candidatura a presidir a Deputación coruñesa.

Con cento corenta e sete votos a favor e tres abstencións. Valentín González Formoso repite como candidato socialista á presidencia da Deputación da Coruña. Era un dos puntos da orde do día deste comité provincial que ademais serviu para facer balance dos resultados electorais.

Valentín González Formoso. Secretario provincial do PSdeG-PSOE da Coruña "O Partido Socialista a nivel galego, a nivel estatal e tamén a nivel local tivo un resultado francamente magnífico que nos permitirá continuar coa presenza na socialdemocracia, nas institucións onde se decide o destino do país".

González Formoso destacou que a provincia da Coruña terá corenta e dous alcaldes socialistas. Dez municipios están pendentes de posibles alianzas, entre eles o coruñés. A candidata Inés Rey inicia o luns unha semana intensa de negociacións que determinará a configuración do novo goberno municipal.

Inés Rey. Candidata PsdeG á alcaldía da Coruña: "Non se trata tanto da fórmula como de escoller o mellor para a cidade. Ese é o noso obxectivo. Sen ter falado co resto de forzas, porque eles aínda non fixeron as súas reunións, eu non vou facer predicións nin especificar que tipo de fórmula de goberno, se en solitario ou en cogoberno porque non é prudente pola miña parte facelo".

Inés Rey comeza o luns unha semana decisiva de negociacións, igual que os candidatos ás alcaldías de Santiago e Ferrol. Xosé Antonio Sánchez Bugallo e Ángel Mato tamén asistiron á xuntanza do comité provincial.

 

Noticias web

01/06/2019