CRTVG

Buscar

O comité espera que Industria presente hoxe por escrito o plan para Alcoa

Publicado o 21/07/2020 11:43
    

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao espera que o Ministerio de Industria lle facilite hoxe mesmo por escrito os detalles do plan enerxético e industrial para salvar a fábrica de aluminio primario, garantir a produción e manter os postos de traballo.

Na reunión telemática que onte mantivo a representación dos traballadores co secretario de Industria do Ministerio, Raúl Branco, este confirmou que o Goberno "xa lle entregara á empresa un plan enerxético e un plan industrial, cun socio enerxético e un socio industrial", segundo asegura o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan.

Zan dixo que, de acordo coa explicación do propio Ministerio de Industria, a entrada deses dous socios, unida ao propio plan enerxético e industrial, daría "viabilidade á fábrica" e garantiría "o seu futuro".

En todo caso, os representantes do comité pedíronlle ao secretario de Industria que lles faga chegar "por escrito" o citado plan e confían en que a documentación lles sexa remitida hoxe mesmo por parte do Ministerio.

O Comité precisou, de todos os xeitos, que non recibirá o plan completo, pero si información sobre este.

O comité tamén lle pide ao Ministerio de Industria que convoque de novo a mesa multilateral de Alcoa para "poñer negro sobre branco" e analizar, con todos os actores presentes, esa proposta e a súa viabilidade.

Desde o seu punto de vista, a convocatoria desa mesa é nestes momentos "factible e necesaria"