CRTVG

Buscar

O comité di que Alcoa só fala "dunha alternativa: peche e despedimento"

Publicado o 22/07/2020 11:46
O comité di que Alcoa só fala "dunha alternativa: peche e despedimento"

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao segue á espera de recibir por escrito a documentación relativa ao plan industrial do Goberno para a planta luguesa de San Cibrao, aínda que o seu presidente recoñece que, neste momento, a "empresa só quere falar dunha alternativa", que pasa polo "peche" da fábrica de aluminio primario e o "despedimento" dos traballadores.

Así o asegurou o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, esta mañá, antes de entrar na reunión que se está celebrando nun restaurante de Lugo entre a representación dos traballadores e os enviados pola multinacional. 

"Seguimos esperando por ela. Estamos ansiosos por recibila. Onte non a recibimos. Puxémonos en contacto co Ministerio, pero tampouco nos colleron o teléfono. Esperamos que canto antes nos devolvan as chamadas e nos envíen a documentación", precisou o presidente do comité.

Segundo Zan, é "unha documentación máis que clave para a solución, a dous días da finalización" do período "formal" de consultas para a aplicación dun ERE que pode deixar na rúa máis de cincocentos traballadores da fábrica de aluminio primario.

De feito, recordou que o Ministerio se comprometeu a facer chegar a documentación do plan industrial e enerxético para Alcoa onte e a fixar unha data para a reunión da mesa multilateral, na que están presentes a empresa, o comité e as administracións públicas.

"Non sabemos nada. Descoñecemos o alcance desa documentación e se vai convocarse esa mesa multilateral", lamentou.

En todo caso, dixo que aínda hai tempo para reconducir esta situación, "se a empresa ten interese" ou se se lle obriga "a poñer outras opcións encima da mesa, non só a aplicación dun ere".

IImos ser claros, a negociación da empresa non é a negociación dun ere. A negociación dun ere é para buscar solucións. Analizar as alternativas que hai. A empresa só quere falar dunha alternativa, o peche e o despedimento. O paro das cubas e o despedimento, nada máis", insistiu.

Por iso, recoñeceu que a situación está "peor que ao principio", porque "só quedan dous días, e ese ultimato que dixo o Goberno que ía dar non se viu por ningún lado".

"Non sabemos cal é o alcance de todo isto nin que hai dese plan que nós aínda non temos", recordou.

Canto á folga indefinida convocada na factoría por parte do comité, Zan dixo que os traballadores están "cumprindo" e loitando polos seus postos de traballo.

"Fixemos manifestacións masivas, fortes. Ata folgas que foron un éxito. Tivemos que ir a Santiago e tamén foi un éxito. Agora quen ten que dar o dó de peito é o Goberno. Poñer a multinacional no seu sitio e parar este ERE. Tamén mandarnos a documentación que din que teñen e que aínda non recibimos e responder ás chamadas que fixemos", concluíu.