CRTVG

Buscar

O comité de San Cibrao presentará a vindeira semana unha "contraproposta" a Alcoa para a venda

Publicado o 20/08/2021 12:01
O comité de San Cibrao presentará a vindeira semana unha "contraproposta" a Alcoa para a venda

EP

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, confirmou que contan cunha "contraproposta" para desbloquear a venda da factoría, que trasladarán á multinacional americana nos próximos días. En concreto, avanzou que a próxima semana terán unha reunión coa empresa.

Unha "contraproposta" que elaboraron nas últimas semanas, e que xa comunicaron ao Goberno central e á Xunta de Galicia, "hai tres ou catro días", segundo precisou. Nisto, dixo Zan, é o que quedaran "as partes" implicadas. "En preparar unha contraproposta na cal estivésemos todos de acordo e xa está enviada tanto á Xunta como ao Goberno central". Asegurou que o obxectivo é "solucionar o estancamento desta venda" e poder continuar coas negociacións.

O presidente do comité de empresa insistiu en que non se pode deixar "que sexan os xuíces os que teñan que dicir algo sobre o noso problema mentres nós non chegamos a acordos", dixo de cara ao 20 de outubro, día en que o Tribunal Supremo convocou os maxistrados da sala do social para debater sobre o recurso que interpuxo Alcoa contra a anulación do expediente de regulación de emprego (ERE) na fábrica. "Non queremos ter esa data como unha espada de Damocles, o ideal sería pechar o acordo antes desa data", insistiu.

Ao fío diso, recalcou que "se Alcoa vende a empresa antes do 20 de outubro non fará falta que retire o recurso". "Temos que ter unha saída antes, un acordo para que ese 20 de outubro non sexa a data que impida chegar a ningún lado", advertiu. Tamén incidiu en que "o importante é chegar a un acordo e non seguir deixando en mans dos xuíces a problemática da fábrica". "Este é un problema político e un problema industrial de país", sentenciou.

 

Noticias web

20/08/2021