O comité de empresa ofrece levantar a folga indefinida se Alcoa senta para negociar
• Dende o comité calculan que as perdas ocasionadas pola folga pasarían dos 50 millóns de euros, o que "podería ser un lastre para as contas" da empresa
Novo movemento dos traballadores de Alcoa para salvar os seus postos. O comité de empresa da planta en San Cibrao (Lugo) ofreceu este luns á multinacional a posibilidade de levantar a folga indefinida que comezou a principios de outubro e que "podería ser un lastre para as contas" da empresa "a nivel mundial para todo o ano", se finalmente senta para negociar "de boa fe" a venda da planta e retira o ERE que podería deixar na rúa a 524 traballadores.
Zan recoñeceu que a folga indefinida está a "facerlle dano a Alcoa", cunhas perdas que xa cifra "en máis de 50 millóns de euros", dado que non se permite a saída de aluminio, o que tamén está a provocar problemas nas industrias de transformación, algunhas esenciais, que hai tanto no noso país como noutros lugares de Europa.
Por iso, dixo que o comité estaría disposto a revisar esas "medidas sindicais" para que Alcoa deixe de ser "un lastre" para toda a industria do aluminio, sempre que a multinacional "acepte negociar co Goberno, coa SEPI", para "buscar unha solución" que permita garantir a viabilidade da planta.
Convocada unha Mesa Multilateral
O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, dixo esta mañá, en conferencia de prensa, que levan "un mes esperando" a que o Goberno convoque a Mesa Multilateral de Alcoa. É por iso que trasladan as súas reivindicacións a través dos medios de comunicación.
Pouco tempo despois, a subdelegada do Goberno en Lugo Isabel Rodríguez confirmou en declaracións aos medios de comunicación que o Ministerio de Industria "acaba de convocar" unha nova reunión da Mesa Multilateral de Alcoa para "a semana que vén".
Un encontro, din, para falar sobre os pasos necesarios para garantir a produción de aluminio primario e o mantemento dos postos de traballo no complexo industrial de San Cibrao.