O persoal de Alcoa decidirá o mércores se mantén a paz social
O comité de empresa de Alcoa San Cibrao apraza ata o vindeiro mércores, 5 de maio, a posible convocatoria de mobilizacións. Acordouno na asemblea celebrada este luns co obxectivo de analizar o punto en que se atopan as negociacións entre a SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) e a multinacional para o traspaso da fábrica de aluminio primario.
Segundo precisou, o Ministerio de Industria convocou a representación sindical a unha xuntanza que terá lugar este martes, 4 de maio, a partir das 20:30 horas. Durante o encontro, coñecerán polo miúdo a postura do Goberno de España para tratar de solucionar a situación.
Na asemblea do mércores informarán o persoal da proposta gobernamental e tomarán medidas respecto ao reinicio, ou non, das mobilización en defenda do mantemento do emprego e da produción de aluminio primario na Mariña. A asemblea celebrarase a partir das 13:30, nas instalacións da factoría.
Fin do prazo para manter a paz social
O pasado venres, 30 de abril, finalizaba o prazo acordado polo persoal coa dirección da multinacional para manter a paz social mentres se negociaba a venda da fábrica de aluminio de Alcoa á SEPI.
O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, lembraba que "o que ten que dicir o Goberno de España" é, basicamente, que regresa ás condicións que se puxeron sobre a mesa "o pasado 27 de setembro" para asumir o traspaso da planta, de xeito que a SEPI merque a factoría para logo venderlla a un comprador industrial.