O comité de empresa de Alcoa San Cibrao apraza a folga indefinida

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao confirma, nun conciso comunicado, que a convocatoria de folga indefinida no complexo industrial mariñán, que ía comezar este mércores a partir das 14:00 horas, queda de momento aprazada.
Segundo informa, recibiu un “correo de Alcoa confirmando que o Goberno respondera á última proposta realizada” para avanzar no proceso de venda da fábrica de aluminio primario.
Ademais, a multinacional comprométese “a convocar unha reunión para este venres, 14 de maio, na que compartirá co comité o resultado da análise da devandita resposta”.
“Á espera de poder seguir avanzando nas negociacións para a venda de Alcoa á SEPI e que o comité poida valorar o contido da carta, aprázase a reactivación da folga ata que o cadro de persoal poida tomar unha decisión sobre ela”, conclúe o comité.
O Ministerio pídelle a Alcoa que tome “a iniciativa”
Na carta dirixida ao presidente de Alcoa Inespal, Álvaro Dorado, o secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, contéstalle á multinacional que agora é a empresa a que “debe tomar a iniciativa da venda” da planta de San Cibrao, mediante o establecemento “dun contacto directo cos investidores interesados”.
Ademais, deixa nas mans da propia Alcoa a comprobación da súa “solvencia” e o seu “perfil industrial”.
Con esta carta, o Ministerio de Industria responde á solicitude de Alcoa de “aclarar por escrito a posición da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) en relación coa posible venda” da planta mariñá e “en contestación á carta remitida” pola multinacional “o pasado 28 de abril”.
“Alcoa debe acometer o proceso de venda, facilitando toda a información necesaria aos potenciais compradores para que poidan emitir ofertas vinculantes viables, que garantan a actividade das plantas e o mantemento do emprego”, engade.
Ademais, o Ministerio precisa “que a SEPI, como instrumento do Goberno de España, está disposta a estudar e traballar na proposta de venda que Alcoa alcance co comprador elixido”.
Por outra banda, o Goberno aclara que a “SEPI non pode aceptar a proposta de indemnidade de Alcoa, xa que excede o marco normativo aplicable”.
En todo caso, “quere manifestar a súa disposición para colaborar, como instrumento do Goberno de España, na creación de condicións que faciliten un futuro industrial para a planta de San Cibrao e o seu emprego asociado”.