O comité de Alcoa San Cibrao apraza a folga para facilitar a venda da planta

O persoal de Alcoa San Cibrao, reunido en asemblea a primeira hora da tarde, tomou a decisión de prorrogar durante unha semana máis o acordo para manter a paz social (que venceu o pasado 30 de abril) mentres se negocia a venda da planta de aluminio primario.
Nun primeiro momento contemplara a posibilidade de reiniciar a folga este xoves (6 de maio), pero, tras o "compromiso adquirido onde pola ministra de Industria", Reyes Maroto, a asemblea acordou por maioría aprazar as mobilizacións sete días.
Segundo explica o comité de empresa nun comunicado, aprobaron a prórroga para que "a Avogacía do Estado dispoña dos días que solicitou o secretario de Industria, Raúl Blanco, para definir o papel da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI)" na operación de venda a tres bandas (Alcoa, SEPI e comprador final)" e "responder así á proposta" da propia multinacional, sobre a base do acordo alcanzado o 27 de setembro.
O comité precisa que durante este período "a folga permanecerá suspendida" e manterase "a paz social". "Unha vez finalizado o prazo, o vindeiro mércores (12 de maio), se non houbese avances, a folga quedaría reactivada de novo", conclúe.