CRTVG

Buscar

O comité de Alcoa propón a venda conxunta das dúas plantas á SEPI

Publicado o 15/01/2021 12:48
O comité de Alcoa propón a venda conxunta das dúas plantas á SEPI

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao presentou este venres á dirección da multinacional unha proposta de acordo para desconvocar a folga indefinida no complexo industrial da Mariña e iniciar o proceso de negociación para a venda das dúas plantas, a de alumina e a de aluminio, á SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais).

A proposta foi exposta nunha reunión telemática coa dirección da compañía, cuxos representantes se comprometeron a avaliala e a transmitir unha resposta. Se é aceptada pola multinacional, explicou o comité, sería sometida a referendo entre os traballadores do complexo industrial.

Se Alcoa acepta a proposta do comité, Alcoa "iniciará e manterá un proceso de negociación para a venda da planta de aluminio de San Cibrao e da refinería de alumina" á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) e enviará "unha proposta en termos xerais" -á SEPI ou alternativamente ao Ministerio de industria- "non máis tarde do 27 de xaneiro".

Segundo a formulación da representación dos traballadores, ese sería "o inicio das negociacións coa SEPI" e a "decisión final sobre a venda será" de Alcoa.

Tamén engade a proposta que o "proceso de negociación" para a venda do complexo industrial de San Cibrao debe ser "abordado" por Alcoa "en termos comerciais e sociais razoables", diferentes aos que deron lugar á "venda errada" nas anteriores conversacións coa SEPI, con "graves consecuencias" para a empresa.

Nese sentido, para evitar un situación similar, Alcoa comprometeríase a "ser flexible e a negociar de boa fe coa SEPI", co fin de "buscar a continuidade da planta de aluminio e da refinería de alumina de San Cibrao".

Ademais, a empresa comprometeríase a informar sobre "a evolución do devandito proceso" á representación dos traballadores, á Xunta de Galicia, ao Ministerio de Industria e á Avogacía do Estado, nunha "mesa multilateral" cunha "frecuencia máxima de quince días", aínda que a primeira reunión se expón co prazo máximo dun mes.

Só parar cubas para reparalas

Na proposta de acordo que expón o comité tamén se aclara que "só" pararán "aquelas cubas que impliquen un risco potencial para a seguridade das persoas ou a instalación" e, "inmediatamente", procederase "á rebrascaxe, reparación ou, no seu caso, substitución das cubas que se paren por calquera motivo".

Do mesmo xeito, Alcoa comprometeríase "a continuar con normalidade a produción de aluminio e de alumina", ademais de non "levar a efecto actuacións que impliquen de facto a paralización da planta ou causen danos na mesma" para facela "pouco competitiva e atractiva para os efectos da súa venda".

Ademais, a empresa tamén aceptaría o compromiso de "non adoptar durante o proceso de negociación ningunha medida extintiva de carácter colectivo, sustentada nas mesmas, similares ou diferentes causas" ás argumentadas "no expediente impugnado", pendente aínda do "recurso de casación".

Outra das condicións que pon o comité de empresa pasa polo compromiso por parte de Alcoa para contar "con recursos adicionais", segundo as necesidades, para a produción e o mantemento do complexo de San Cibrao, ata "alcanzar os efectivos teóricos cos que contaban estas instalacións a data 1 de xaneiro de 2020".

Reincorporación dos temporais

A compañía tamén debe comprometerse á incorporación dos traballadores temporais que cumpran os requisitos, en función do acordo subscrito en febreiro de 2019, no prazo máximo dun mes e con recoñecemento retroactivo de salario e antigüidade.

A cambio, desde a firma do acordo, se a empresa acepta esas condicións, quedaría suspendida a folga indefinida convocada polo comité, que comezou o pasado 4 de outubro.

Se non fose posible chegar a un acordo a través das propostas intercambiadas, o comité proponlle á empresa solicitar "conxuntamente" unha mediación ou arbitraxe por parte da AGA para "liquidar de forma definitiva a situación presente".