O comité de Alcoa enviará unha contraproposta á dirección cando a examinen os seus avogados

O comité de Alcoa San Cibrao enviará unha contraproposta á dirección cando a examinen os avogados de todos os sindicatos, "debido á complexidade do proceso xurídico", segundo decidiu no pleno extraordinario celebrado este mércores. Esta contraproposta responde, segundo explican os representantes dos traballadores, á situación en que existe un despedimento colectivo aínda sobre a mesa, xa que, aínda que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o anulou, a multinacional recorreu esta decisión, polo cal "se nega a desistir" dese proceso.
Este martes, tras dous días de reunións entre ambas as partes, a dirección trasladou ao comité unha proposta definitiva co obxectivo de que desconvoque a folga que mantén hai máis de tres meses para sentar a negociar a venda da factoría de aluminio a través da sociedade estatal de participacións industriais (SEPI).
Tras as decisións da xustiza, que lle impediu á compañía parar as cubas de electrólise e anulou o despedimento colectivo que pretendía levar adiante, Alcoa volveu reunirse co comité despois de Reis, sen acordo. Este luns retomou o encontro que se prolongou durante o martes e no que trasladou esa proposta "definitiva".