O comité de Alcoa convoca unha nova manifestación para o domingo en Lugo

O comité de empresa de Alcoa convocou unha nova manifestación para este domingo, 27 de xuño, polas rúas do centro da cidade de Lugo para esixirlle ao Goberno que a SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) actúe como intermediaria no proceso de venda da planta de aluminio primario de San Cibrao.
Segundo informou o propio comité, a manifestación comezará ás 12:00 horas, fronte á sede da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, e rematará na subdelegación do Goberno sobre as 13:00 horas.
O representante do persoal, José Antonio Zan, explicou que non hai data, de momento, para a cita "urxente" solicitada coa ministra de Industria, Reyes Maroto, tras saber que a SEPI non vai participar na operación directamente.
Na última xuntanza da mesa de seguimento do proceso de venda, representantes do Executivo aclararon este aspecto e instaron a Alcoa a vender de xeito directo a planta a algún dos compradores interesados.
Zan tamén aclarou que "Alcoa segue revisando" a súa situación e "está a estudar como afecta a nova formulación do Ministerio" á operación.
O presidente do comité insistiu en que o persoal quere ter "a garantía" da participación da SEPI na operación, porque de non ser así "quen elixe o comprador?", pregúntase.
Desde o seu punto de vista, a intervención da sociedade pública é necesaria para asegurar que este proceso termina "cunha saída industrial", que garanta a continuidade da fábrica e evite unha situación como a que se produciu na Coruña e Avilés.