O comité de Alcoa reunirase a vindeira semana co grupo británico Liberty

O comité de Alcoa San Cibrao anuncia o aprazamento, para o 9 de xuño, da reunión prevista para este mércores co grupo británico Liberty. A xuntanza inaugura a súa rolda de contactos coas compañías interesadas na compra da fábrica situada en Cervo.
Mentres, proseguen os actos reivindicativos para demandar unha solución ao problema que arrastra a fábrica de aluminio primario dende hai un ano, cando a multinacional presentou o ERE para despediren máis de cincocentas persoas.
Este luns, o persoal asistirá ao pleno que se celebra no concello de Barreiros ás 20:00 horas e o martes, 1 de xuño, ao de Cervo a partir das 20:30.
Nestes momentos están abertas as conversas con seis posibles compradores para a venda da fábrica a través da SEPI. A propia Alcoa comprometeuse a traballar directamente con eles para definir as condicións da operación, pero co compromiso de facer a transacción, chegado o momento, coa mediación do Goberno de España.
Segundo fontes do comité, despois desa primeira xuntanza con Liberty, previsiblemente iniciaranse contactos con "algún outro" posible comprador esta semana.
O grupo Liberty, a través da súa división de aluminio Alvance, foi o primeiro en amosar interese na compra da fábrica de San Cibrao. O comité de empresa xa se reunira coa dirección da multinacional británica para coñeceren as súas intencións e o proxecto industrial para a factoría mariñá.