O comité clínico pon a vista na Noitevella; preocupa a suba da positividade
Nos dous últimos días a taxa de positividade en Galicia disparouse ata o 8,4 por cento. De cada 100 PCR que se fan, oito dan positivo, cando segundo a Organización Mundial da Saúde, non deberían ser máis de 5 para considerar controlada a pandemia.
Medrou o número de contaxios. E o que máis preocupa: aumenta a presión hospitalaria, con 17 ingresos novos en 24 horas.
Son os datos que manexa o comité clínico para establecer as restricións para fin de ano e ano novo. Todo está enriba da mesa, non se descarta incluso endurecer as que xa hai. O obxectivo é minimizar os riscos ao máximo e evitar as festas.
Juan Gestal, profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública, "Eu creo que non hai que pensar neste momento en facer festas de fin de ano, que incrementarían moito a incidencia e agravarían moito a situación"
A área sanitaria de Santiago-Barbanza é a que ten agora mesmo máis casos activos, e supera os 250 por cen mil habitatantes. O comité clínico podería endurecer as restricións en Porto do Son, Noia, Outes e Muros, onde os contaxios non paran de medrar. Non se descarta incluso un peche perimetral.
"Algo terán que facer, porque esto vai descontrolado", di unha veciña.
Nos concellos que rexistran os niveis máis elevados séguense facendo cribados preventivos. Este luns iniciáronse en Verín e en Bueu, onde se lle están facendo probas aos traballadores da hostalería.