CRTVG

Buscar

O comité clínico podería aliviar as restricións na Coruña e Vigo, as únicas cidades en nivel alto

Publicado o 19/08/2021 21:24

O comité clínico podería revisar a próxima semana a situación da Coruña e Vigo, as únicas cidades que continúan no nivel alto de restricións. As comarcas costeiras de Galicia entran na recta final do mes máis turístico nunha situación desigual. Destaca a melloría no Salnés e na Mariña e o empeoramento na Costa da Morte.

A área sanitaria da Coruña e Cee é a que manterá a partir do sábado máis concellos no nivel alto de restricións, un total de 16. A metade están na Costa da Morte. Saen Carballo e A Laracha, pero entran nese chanzo Muxía, Camariñas, Cabana de Bergantiños e outra vez Vimianzo.

Na outra cara da moeda está a comarca do Salnés, onde só quedarán no nivel alto O Grove e Meis. Sanxenxo baixa a nivel medio. Aos turistas sorpréndelles o elevado cumprimento das medidas anticovid, coa excepción dalgúns areais.

E o alivio de restricións do que xa gozaban en Ourense e Santiago chega tamén ás cidades de Ferrol, Lugo e Pontevedra. Unha baixada a nivel medio de restricións derivada da melloría da situación epidemiolóxica, que en Lugo ademais da capital chega tamén á comarca da Mariña. 

Vigo e A Coruña seguen no nivel alto, pero a súa situación podería cambiar nunha semana. O problema da Coruña e de Vigo é que a elevada incidencia da covid afecta tamén a concellos das súas áreas de influencia.

 

Noticias web

19/08/2021