CRTVG

Buscar

Sanidade estuda máis medidas na Barbanza, no Salnés e nas áreas de Vigo e Ourense

Publicado o 13/07/2021 08:33

• A capital ourensá concentra case o 10 por cento dos casos activos

• As restricións no Salnés non impediron que o aumento dos contaxios

Ourense suma 110 contaxios máis en 24 horas. A cidade concentra case o 10 por cento de todos os casos activos de Galicia. 

Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras di que  "temos 573 casos a día de hoxe na cidade de Ourense nun crecemento explosivo nos últimos días. Estamos a falar de cifras moi preocupantes, aínda que a repercusión asistencial non está sendo a que adoitaba en épocas prevacinación".

Hai outros 71 infectados no Barco, outro candidato a vivir desde este martes con máis limitacións. O mesmo desánimo cunde na outra punta de Galicia: en Boiro, teñen os peores números desde febreiro.

José Ramón Romero, alcalde de Boiro, cre que "houbo moita xente nova na zona de ocio e tivo que intervir a Policía Local e a Garda Civil en momentos puntuais. A xente nova quere divertirse e na cabeza non lle cabe que ten a vida en perigo".

No Salnés, as restricións vixentes hai unha semana non impediron que seguisen crecendo os contaxios: podería haber novas medidas para a Illa, Cambados ou Vilanova. Os hosteleiros piden que non se ceben neles.

Óscar Casal, hostaleiro, afirma que "non están nun restaurante, non están nunha cafetería; os contaxios veñen de onde veñen. E a proba é que seguen subindo, e nós estamos pechados".

Vigo e arredores é o outro foco de atención: ningunha área sanitaria ten tantos casos activos, aínda que case todos están na casa.

Javier Puente, xerente da área sanitaria de Vigo, explcia que "temos agora mesmo só na área cinco ingresados no hospital, tres deles non teñen ningunha dose da vacina posta".

Un de cada tres infectados na área sanitaria viguesa non chega aos 30 anos. 

Noticias web

13/07/2021