Sanidade estuda prohibir reunións nocturnas e esixir probas PCR nas vodas
Cunha alta incidencia do virus e a explosión de contaxios entre os máis novos, os expertos advirten que toca cambiar as restricións sanitarias para facer fronte ao novo escenario da pandemia.
Pilar Farjas, membro do comité clínico, anuncia: "Temos a proposta de establecer a prohibición de xuntanzas de non conviventes en todos os espazos, tamén no ámbito privado e en horario nocturno".
Se ben o comité clínico tamén estuda reforzar a seguridade nas xuntanzas e celebracións con máis de dez asistentes mediante a petición dunha proba PCR ou a esixencia de ter a pauta de vacinación completa.
Segundo Pilar Farjas, o comité clínico está "a traballar na súa utilización obrigatoria na restauración en todo tipo de celebracións. En vodas... sempre que exista unha xuntanza de máis de dez persoas".
Os expertos advirten de que, se non se muda esta evolución ascendente, nunhas semanas a situación clínica volvería ser inadmisible. Só na última semana, duplicáronse os casos de COVID−19 en todas as franxas de idade.