CRTVG

Buscar

O comité clínico eliminará restricións se os datos epidemiolóxicos seguen á baixa

Publicado o 10/10/2021 18:31

Os datos de incidencia acumulada, 8 casos en Galicia por cen mil habitantes, e da taxa de positividade do 1 por cento sobre as PCR realizadas, levaron o comité clínico a moderar as restricións para esta ponte festiva. Con esta tendencia, en menos de dúas semanas os expertos sanitarios poderían rebaixalas aínda máis ata chegar a unha normalidade que aínda non temos. 

O sector do ocio nocturno queda como estaba, á espera de que en quince días o comité clínico, se a tendencia epidemiolóxica segue á baixa, aumente capacidades e horario, ata as catro da mañá hoxe. No concerto na sala Capitol de Compostela, dentro da programación musical do festival Cortocircuíto, o público estaba sentado, separado e con máscara.

Os que máis se benefician das novas normas están sendo os hostaleiros. Nesta feira dominical de Padrón notouse nos postos do polbo. As carpas considéranse terrazas así que poden ter o cen por cento da capacidade. Os hostaleiros dinnos que en realidade algo menos porque deben gardar distancia entre mesa e mesa e iso redúcelles espazo.

A feira de Padrón, como pasa noutras vilas, tamén se beneficia desta etapa intermedia camiño á normalidade. Ata agora o tránsito entre xente dun concello a outro estaba limitado. Pero agora toda Galicia comparte o mesmo nivel de restricións.

Din moitos expertos sanitarios que a máscara quedará nos espazos cerrados. No festival Internacional de Galicreques vimos que agora o normal é usala. E tamén gardar unha distancia entre uns e outros. Porque as normas para os eventos ao aire libre non mudaron.

Noticias web

10/10/2021