CRTVG

Buscar

O comité clínico decide esta tarde o plan galego para estas festas

Publicado o 15/12/2020 08:36

• Saberase se manteñen limitar os encontros a dúas unidades familiares

• Permitiríase a mobilidade aínda nos concellos pechados perimetralmente

• O comité analizará a estratexia de vacinación en Galicia

Estamos co Nadal en xogo. A repunta de casos das últimas horas, lixeira pero orientativa do que pode pasar nas vindeiras semanas, coincide co relaxo de medidas e pode condicionar as decisións que tome Sanidade de aquí á semana que vén.

Os contaxios tamén soben en Galicia, sobre todo en Ourense e Santiago, as únicas dúas cidades que levantaron o peche perimetral. Esta situación vai estar presente de seguro no comité clínico, que hoxe decidirá finalmente o plan galego para as festas

Saberemos se mantén o plan de limitar os encontros do Nadal a dúas unidades familiares e sen límite en caso de conviventes.

Canto á mobilidade, a intención é permitila aínda naqueles territorios pechados perimetralmente. Tampouco se descarta establecer novos límites territoriais naqueles sitios en que a situación epidemiolóxica empeore.

As medidas que hoxe se acorden van concretar as aprobadas entre o goberno e as comunidades autónomas, que pasarían por xuntanzas dun máximo de dez persoas e mobilidade limitada só ás celebracións.

Na xuntanza do comité clínico analizarase a estratexia de vacinación en Galicia. Non se coñece o número de doses que se van asignar, a prioridade é vacinar as máis de 20.000 persoas internas nas residencias de maiores para logo continuar cos maiores de 65 anos. 

Noticias web

15/12/2020