CRTVG

Buscar

O comité clínico debate este luns liberar as ocupacións dos locais

Publicado o 04/10/2021 14:42

O titular de Sanidade, Xulio García Comesaña, confirma que se avanzará cara a unha ampliación da capacidade de acollida en interiores, pero dixo que será sempre baixo un criterio de prudencia e evidencia científica.

Avanzou tamén Comesaña que, en todas as áreas sanitarias, estarán abertos centros de vacinacións, de luns a sábado, en horario de mañá, para que poidan vacinarse os que non o fixeron. Pódese acudir sen cita ou, quen o prefira, concertando unha hora na páxina do Sergas ou na aplicación Sergas Móbil.

A piques de expedir o certificado de vacinación número 2.000.000, Galicia rematou esta fin de semana as vacinacións masivas, nos recintos nos que inmunizaron o 85 por cento dos galegos.

Cun 92 % de adherencia, a cifra máis alta do Estado, o conselleiro non dá o traballo por finalizado. Das chamadas individuais desprendese que os que rexeitan a vacina son unha minoría.

"Deses 150.000 galegos que figuran sen vacinar hai que saber cantos realmente están sen vacinar porque algúns están vacinados noutra comunidade autónoma e ese información temos que integrala. Estamos nesa fase, do corpo a corpo, para chegar ao final e sobre todo a idea é convencer aos que non se vacinaron e que saiban que teñen todas estas posibilidades para facelo", afirmou Comesaña.

O Conselleiro, que hoxe asinou un convenio coa alcaldesa da Coruña para construír o novo centro de saúde de Santa Lucía, anunciou que o comité clínico se adianta a esta tarde e que se prevé que os protocolos de hostalaría e ocio nocturno se adecúen á situación actual, un aumento da ocupación en interiores: "A idea é adecuar ambos protocolos a esta situación e seguir nesa liña de ir liberando aforos e horarios e ir combinando sempre con esa prudencia e sempre baseados na información clínica que temos", afirmou.

O titular de Sanidade valorou a boa evolución da pandemia en Galicia, hoxe cunha incidencia a 14 días de 27 casos por cen mil, e dixo que a previsión é seguir mellorando as cifras. A comunidade podería ser nas próximas horas zona de risco baixo de transmisión.

Noticias web

04/10/2021