CRTVG

Buscar

O comité clínico actualiza os niveis de restricións fronte ao crecemento dos contaxios

Publicado o 27/07/2021 23:10

• Preocupa a situación no Salnés e nas áreas de Vigo, A Mariña e a Costa da Morte 

Os expertos din que aínda se tardará unha semana en baixar os contaxios

O comité clínico actualiza os niveis de restricións fronte ao crecemento dos contaxios

O comité clínico que asesora a Xunta reuniuse na tarde deste martes para analizar en detalle a evolución de Galicia. Da xuntanza poden saír modificacións nos niveis de restricións de cada concello. O conselleiro de Sanidade informará nunha conferencia de prensa, a partir das 11:30 deste mércores, das novas medias adoptadas. Canto á curva de contaxios, a previsión que manexan os expertos é que aínda tarde polo menos unha semana en baixar. 

Galicia supera os 18.000 infectados pola covid-19. Nas últimas horas volveron repuntar os contaxios diarios, e o número de hospitalizados segue en ascenso. Os ingresos triplicáronse nas últimas dúas semanas. 

Os expertos advirten de que a recuperación total desta quinta vaga do virus non chegará ata o outono. A vacinación está amortecendo os casos graves e no Sergas din que de momento non hai preocupación pola capacidade asistencial nos hospitais.

Canto ao mapa de concellos, o punto máis crítico segue estando na comarca do Salnés e preocupa tamén o aumento dos contaxios na área de Vigo, na Mariña de Lugo e nalgúns concellos da Costa da Morte.

Noticias web

27/07/2021